Este pasado xoves, 14 de maio, participamos no Día da Ciencia na Rúa. A xornada, organizada polo IES Maximino Romero, celebrouse no pavillón de Baio e nela participaron centros de toda a contorna.
Un equipo de 1º ESO preparou coa profe de Bioloxía un traballo moi interesante sobre sensacións ópticas e sensitivas e expuxérono durante toda a mañá a todas as persoas que se achegaron ao posto.
A partir das 12:30, todo o alumnado de 1º e 2º ESO acudiu como espectador á feira da ciencia. Moito aprendemos nos postos de todos os centros!
No seguinte enlace podedes ler a nova na Voz de Galicia. Fixádevos ben nas fotos 5 e 6!! :)
Como seguro que xa sabes, este ano o Día das Letras Galegas está adicado a Begoña Caamaño. Para saber máis sobre esta marabillosa escritora,non vos podedes perder o programa que o alumnado de 4º de Primaria gravou para Ondas Revoltas. Podedes escoitalo premendo na imaxe:
Tamén vos convidamos a visitar a exposición da entrada da biblio e consultar algún dos libros que falan sobre ela.
Nos corredores de primaria e secundaria atoparás as exposicións sobre Begoña Caamaño que enviou a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Finalmente, tamén che recomendamos estes enlaces nos que atoparás moita información e actividades sobre a autora homenaxeada:
Falta moi pouquiño para a noite máis arrepiante do ano!! 👻
Para celebrarmos o Samaín, a biblio encheuse de pantasmas, cabazas, monstros, bruxas... E, por suposto, moitísimas historias de medo que podedes levar para ler estes días!!
O pasado 17 de maio celebramos o Día das Letras Galegas, este ano dedicado á poesía popular oral, personificado nas cantareiras Adolfina e Rosa Casás (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía) e as Pandeireteiras de Mens (Malpica).
Esta é unha data moi especial no CPI As Revoltas e, como cada ano, festexámola por todo o alto na nosa IV Romaría das Letras. Nesta entrada contámosvos polo miúdo as diferentes actividades que realizamos no cole para celebrar a festa grande da lingua galega e para homenaxear as nosas cantareiras.
💙 IV Romaría das Letras
O 16 de maio celebramos a xa tradicional Romaría das Letras. Ao longo do día bailamos, tocamos a pandeireta, desfrutamos cos xogos populares e coa gastronomía galega... e por suposto, cantamos a nosa canción deste ano: "Viva o galego". Que ben o pasamos!
Para lembrar a felicidade deste marabilloso día deixámosvos o videoclip da canción no que se recollen algúns dos mellores momentos da xornada.
💙 Canción Viva o galego
Como xa vén sendo tradición por estas datas, sacamos unha canción para conmemorar o Día das Letras Galegas. O temazo deste ano é unha versión de "A rumboia" e está interpretado por alumnado do centro e polo noso querido Juan. Aquí tedes a letra para non deixar de cantala!
A impresora 3D de Polos Creativos botou fume toda a semana para que ninguén no cole quedase sen o seu colgante de pandeireta.
Como campamos todos/as coas nosas mini-pandeiretas! :)
💙 Obradoiros de pandeireta e baile
O alumnado do CPI As Revoltas xa está preparado para arrasar nas foliadas!
O día da romaría aprendemos uns puntos de baile galego cun gran bailador: Mario Figueira, da A.C. Donaire. Mario impartiu obradoiros de baile para o alumnado de Primaria e obradoiros de pandeireta para o alumnado de Secundaria.
Por outra banda, Aarón García, compañeiro de 4º ESO e gran pandeireteiro, impartiu obradoiros de pandeireta para o alumnado de Infantil e Primaria.
💙 Xogos populares
Na romaría houbo tamén espazo para xogar. Coordinados polo alumnado de 4º ESO, puidemos desfrutar dos nosos xogos populares: a chave, os birlos, a rá... Non faltou de nada!
💙 Galicia sabe amar
E con tanto baile e tanto xogo, precisamos repoñer forzas! Por sorte, tivemos churros feitos polas nosas marabillosas cociñeiras e tamén contamos cos deliciosos pinchos da foodtruck de Galicia sabe amar. Fame non pasamos!
💙 Fiada con Teresa dos Cucos - Programa de radio de 4º de Primaria
Teresa Reigía Pose, máis coñecida como Teresa dos Cucos, veu á nosa emisora de radio para que o alumnado de 4º de Primaria lle fixera unha entrevista. Teresa é unha cantadora, veciña de Malpica de Bergantiños, que estivo ligada ao canto desde pequena e que foi testigo de como tocaban as pandeireteiras de Mens. O que nun primeiro momento ía ser unha entrevista máis, rematou sendo unha desas "fiadas" ás que tantas veces asistiu Teresa. Podedes escoitala premendo na foto.
Fiada con Teresa dos Cucos - 4º de Primaria
💙 Elas contan e cantan - Programa de radio de 3º e 5º de Primaria
O alumnado de 3º e 5º de Primaria gravou o programa "Elas contan e cantan". As cantareiras de Mens conversan e lembran como chegaron a ter tanta sona no mundo da música tradicional galega. Podedes oílas e escoitar tamén o "maneo de Mens" premendo na foto.
Elas contan e cantan - 3º e 5º de Primaria
💙 Traballos de investigación sobre as cantareiras
Ao longo destas semanas, tamén investigamos moito sobre as homenaxeadas nas Letras Galegas deste ano e coñecemos a súa importancia e o gran valor do legado que nos deixaron. Premendo na imaxe podedes ver os traballos realizados polo alumnado de 3º de Primaria.
As cantareiras - Traballos do alumnado de 3º E.P.
💙 Proxección do documental Se canto é porque quero
Na semana das Letras Galegas, para traballar a música popular oral e as cantareiras homenaxeadas, proxectamos nas aulas de Secundaria os tres episodios do documental da Real Academia Galega: Se canto é porque quero.
Podes descargar aquí as actividades sobre o documental.
💙 Exposicións sobre a poesía popular oral
Finalmente, nos diferentes corredores do centro podedes atopar varias exposicións sobre as cantareiras e a poesía popular oral.
No primeiro andar están colgadas as exposicións enviadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística: Cantareiras: poesía popular oral (para Infantil e Primaria) e Canta que cadramos ben (para Secundaria).
Na entrada da biblio podedes atopar unha mostra bibliográfica para celebrar estas datas e un mural sobre a música galega realizado coa colaboración do voluntariado da biblio.
Este 2025 celebramos o Ano Castelao, no 75º aniversario do pasamento do emblemático escritor, debuxante e político. Ao longo do curso desenvolveremos diferentes actividades para homenaxear a figura de Castelao.
Por agora, podes ver a exposición que colocamos na entrada da biblioteca:
Tamén podes escoitar o episodio 5 do podcast Contos Revoltos. Nel, o alumnado de 1º e 4º ESO céntranse na faceta contista de Castelao e cóntannos algún dos seus relatos de Cousas.
O Nadal está ás portas e estas últimas semanas realizamos moitas actividades para celebralo. Contámosvos aquí algunhas das cousiñas que fixemos.
📚 Festa de Nadal do club de lectura
O xoves 19 celebrouse na biblio unha festiña do club de lectura, para celebrarmos as lecturas que compartimos durante este trimestre e as que están por vir. Vimos unha curtametraxe, o alumnado de 4º leunos un conto de Nadal e, por suposto, non faltou a merendola. Os reis, que andaban ese día polo centro, trouxéronlle a cada membro do club un chaveiro e un marcapáxinas.
🎵 Cantos de Reis
O mércores 18 os nenos e as nenas de 6º de Infantil foron cantar os Reis por todo o cole. Que ben o pasamos con estes/as artistas!! 😊
🎤 Regueifa de Nadal
O alumnado de 2º ESO deséxanos unhas felices festas a ritmo de regueifa. Podedes vela neste vídeo:
📗 Contos de Nadal
O alumnado de 1º ESO gravou polo Nadal dous episodios especiais do seu podcast Contos Revoltos. Non vos perdades os seus relatos, queridos contistas!!
📚 Máis contos
E se quedades con ganas de máis historias de Nadal, na biblio temos unha exposición de libros moi axeitados para estas datas.
🎄 Decoración da biblio
Súper Pepiña vestiuse para celebrar o Nadal e o voluntariado construíu unha súper árbore de libros na entrada da biblio.
Ao longo deste novembro celebramos na biblioteca o Mes da Ciencia en Galego. Contámosvos nesta entrada as actividades que realizamos en colaboración co Departamento de Bioloxía.
PASATEMPOS CIENTÍFICOS
Para celebrar o Mes da Ciencia en Galego, propoñémosvos resolver os pasatempos científicos que o esqueleto Homero ten na entrada da biblio. Se os deixades no buzón, poderedes participar no sorteo de 3 cubos de rubik. Aínda non resolviches os pasatempos? Quédache esta semana para facelo!
CONFERENCIA SOBRE AS ESPECIES INVASORAS
O pasado 7 de novembro tivo lugar na biblioteca unha charla sobre especies invasoras, impartida pola Asociación Galicia Ambiental. Aprendemos moito sobre especies coma a mimosa, a uña de gato, o mapache, o cangrexo americano e, sobre todo, unha das máis perigosas: a herba da pampa. A esta conferencia acudiron todos os cursos da ESO, que foron agasallados ademais cun libriño divulgativo dos Bolechas.
EXPOSICIÓN BOTÁNICA
O alumnado de Proxecto Competencial de 2º ESO preparou unha exposición botánica de plantas e algas que recolleron na nosa contorna. Podedes vela na entrada da biblio.
EXPOSICIÓN DE AVES DA NOSA RÍA
O alumnado de Proxecto Competencial de 1º ESO preparou unha exposición de aves que avistaron durante este outono. Moi recomendable para coñecermos os nosos veciños da ría: o mazarico real, a cerceta común, a garzota común... e moitas outras! Podedes vela no corredor do laboratorio.
EXPOSICIÓN DE LIBROS CIENTÍFICOS
Ao longo deste mes, a exposición da biblio estivo dedicada a libros de ciencia en galego.
O pasado 26 de setembro foi o Día Europeo das Linguas e, coincidindo con esta celebración, o alumnado de 1º ESO estivo a investigar sobre a diversidade lingüística e achegouse ás moitísimas linguas que se falan en Europa.
E vós, queredes saber como se di "Ola" en eslovaco ou en finés? E como se di "Quérote" en grego ou en búlgaro? Pois non tedes máis que ver na biblio os murais que realizou o alumnado:
Por outra banda, coincidindo que o pasado 4 de outubro foi o Día Mundial dos Animais, temos na biblio unha exposición moooi animal!!
Como di o refrán: "Pasou o día, pasou a romaría" e alá vai xa a III Romaría das Letras do CPI As Revoltas.
Para non esquecer a felicidade deste día, deixámosvos o videoclip da canción Quero o galego, no que se recollen algúns dos mellores momentos da romaría.
Comeza a conta atrás para a IV Romaría das Letras!
16/05/2024
Nesta semana das Letras Galegas no CPI As Revoltas estamos que non paramos: música, poesía, programas de radio moi especiais, exposicións... Nesta entrada contámosvos algunhas das actividades realizadas, pero o mellor aínda está por vir! O vindeiro xoves celebraremos a III Romaría das Letras!!
Quero o galego 💙
Como xa vén sendo tradición por estas datas, sacamos unha canción para conmemorar o Día das Letras Galegas. O novo tema, interpretado por alumnado e profesorado do centro, titúlase "Quero o galego" e é unha versión de "O galo canta". Non podemos parar de cantar e bailar!
A rapaza de ollos incribles 😍
Este ano, as Letras Galegas están dedicadas á poeta coruñesa Luísa Villalta. O alumnado de 4º de Primaria cóntanos a traxectoria desta gran autora no marabilloso programa de radio "A rapaza de ollos incribles". Podedes escoitalo premendo na imaxe:
Exposicións na biblioteca 📚
Ao longo deste mes de maio, realizamos na biblioteca unha exposición de grandes obras e autores/as da nosa literatura.
No corredor da biblio, tamén podedes visitar as exposicións sobre Luísa Villalta difundidas desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística: Luísa Villalta, tatuada na pétrea pel do mar (para Infantil e Primaria) e Viaxe polo metaverso con Luísa Villalta (para Secundaria).
O Nadal xa chegou á Biblioteca das Revoltas! 🎄🎅 Súper Pepiña puxo o traxe de luces e convidou o seu amigo Crebanoces para celebrar xuntos as festas.
Van chegar as vacacións e Súper Pepiña está feliz
Un novo habitante da biblio - Grazas a Pablo por traelo!
Súper Pepiña e o Crebanoces fixeron unha selección de libros para desfrutar do Nadal. Podedes atopalos na entrada da biblio.
Cantos de Reis do alumnado de Infantil
Ao longo da mañá do martes, 19 de decembro, o alumnado de 5º de Infantil agasallounos cantando os Reis polas clases de Primaria e Secundaria. Que ben o fixeron e que ben o pasamos todos escoitándoos! 💖
Merenda de Nadal do Club de Lectura
No primeiro recreo do mércores, 20 de decembro, tivemos a última xuntanza deste ano da Revolta das Letras, o club de lectura de secundaria. Fixemos unha pequena festiña de despedida e o alumnado recibiu un pequeno agasallo. A Revolta continúa no 2024.