martes, 24 de febreiro de 2026

O carballo de Rosalía

O pasado 23 de febreiro festexamos o aniversario da nosa poeta máis senlleira: o Día de Rosalía de Castro. Para homenaxeala, entre todo o alumnado do cole creamos O carballo de Rosalía. Cada alumno/a escribiu versos da poeta nunha folla de carballo e decorou a folla ao seu gusto. Logo, o alumnado de Proxecto Competencial xuntou todas as follas nun gran mural. Deste xeito,vinculamos esta conmemoración co PDI do curso: os bosques. O resultado podedes velo no corredor do primeiro andar: 



Por outra banda, o alumnado de 4º de Primaria tamén gravou un programa especial para Ondas Revoltas sobre Rosalía de Castro. Non volo perdades! Podedes escoitalo premendo na fotografía: 



mércores, 4 de febreiro de 2026

Personaxes míticos do Entroido

O Entroido está á porta e no CPI As Revoltas xa estamos quecendo os motores. 
Onte asistimos a unha charla de Xosé Manuel Seixas Ares sobre personaxes míticos do Entroido. O artesán compartiu con nós as súas incribles máscaras de diferentes lugares de Galicia e de fóra. 
Podedes ver algunha fotografía desta charla premendo no cartel: 




luns, 2 de febreiro de 2026

Día da Candeloria

Hoxe, 2 de febreiro, celébrase a Candeloria, un día que marca o fin do inverno máis escuro e anuncia a chegada da primavera. Tal como di o refrán, "Se a Candeloria chora, medio inverno vai fóra". 

Ademais, a Candeloria tamén é unha festa vencellada co amor e o agarimo, pois é cando os paxariños comezan a xuntarse. Hai outros refráns que din: "Pola Candeloria casan os paxariños e vaise a galiñola" ou Pola Candeloria, ningunha ave voa soa". 

No colexio celebramos este día con bonitas mensaxes cariñosas para as nosas persoas máis queridas. Así de fermosa quedou a nosa parede do agarimo.