venres, 15 de maio de 2026

Ciencia na Rúa

Este pasado xoves, 14 de maio, participamos no Día da Ciencia na Rúa. A xornada, organizada polo IES Maximino Romero, celebrouse no pavillón de Baio e nela participaron centros de toda a contorna. 

Un equipo de 1º ESO preparou coa profe de Bioloxía un traballo moi interesante sobre sensacións ópticas e sensitivas e expuxérono durante toda a mañá a todas as persoas que se achegaron ao posto. 


A partir das 12:30, todo o alumnado de 1º e 2º ESO acudiu como espectador á feira da ciencia. Moito aprendemos nos postos de todos os centros!

No seguinte enlace podedes ler a nova na Voz de Galicia. Fixádevos ben nas fotos 5 e 6!! :)

Encontro Bergantiñán de Baile

O pasado mércores, 13 de maio, o noso alumnado de Infantil e de 1º e de 2º ESO participou no II Encontro Bergantiñán de Baile. Á xuntanza, celebrada en Ponteceso, acudiu rapazada dos centros da comarca de Bergantiños cun obxectivo común: bailar, pasalo ben e, ao mesmo tempo, reivindicar a música e a cultura galegas. 

Durante a primeira parte da xornada, celebrouse a final da Liga Escolar de Regueifa, na que participaron seis alumnos e alumnas de 2º ESO. Non trouxeron a rosca para Cabana, pero fixérono moi ben!!

O noso fantástico equipo de regueifa


A segunda parte da xornada estivo dedicada ao baile. Todo o alumnado participante bailou a muiñeira de Limiñoa que estiveramos preparando antes no colexio. A continuación, merenda e foliada aberta para seguir desfrutando. 






Foi unha xornada de convivencia chea de alegría coa música galega como protagonistas. Moitas grazas á organización do encontro. Viva a regueifa e viva a muiñeira!!

Nos seguintes enlaces podedes ler a noticia en diferentes medios: 


Co galego no corazón facemos revolución

O alumnado de 3º e 4º de ESO participou, un ano máis, no Correlingua. 

O pasado 6 de maio desprazámonos á Coruña para reivindicar con orgullo e alegría o emprego do idioma galego. Percorremos a cidade, desde Riazor á Torre de Hércules, berrando ben forte o lema desta edición: "Co galego no corazón, facemos revolución". 


No seguinte enlace podedes ler a noticia sobre esta actividade. Ao final de todo aparecemos nós!! :)



xoves, 14 de maio de 2026

Begoña Caamaño - Letras Galegas 2026

Como seguro que xa sabes, este ano o Día das Letras Galegas está adicado a Begoña Caamaño. Para saber máis sobre esta marabillosa escritora,non vos podedes perder o programa que o alumnado de 4º de Primaria gravou para Ondas Revoltas. Podedes escoitalo premendo na imaxe: 



Tamén vos convidamos a visitar a exposición da entrada da biblio e consultar algún dos libros que falan sobre ela. 


Nos corredores de primaria e secundaria atoparás as exposicións sobre Begoña Caamaño que enviou a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Finalmente, tamén che recomendamos estes enlaces nos que atoparás moita información e actividades sobre a autora homenaxeada: 

luns, 4 de maio de 2026

Encontro con Antonio Fraga

O pasado xoves despedimos abril e o Mes do Libro cunha gran visita. Antonio M. Fraga estivo no CPI As Revoltas para falarnos sobre o seu traballo como escritor, sobre literatura e sobre os libros que lemos del no colexio: O castañeiro de Abril e Papá Caníbal



Despois de encontrarse na biblioteca co alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria, catro magníficos reporteiros de 5º e 6º realizáronlle unha entrevista para Ondas Revoltas. Podedes escoitar a entrevista premendo na imaxe. 

Entrevista a Antonio M Fraga para Ondas Revoltas


Moitas grazas, Antonio, por compartir esta mañá de historias con nós!


luns, 27 de abril de 2026

Encontro con Érica Esmorís

O pasado venres 24 de abril, no marco da celebración do Mes do Libro, visitou o noso cole Érica Esmorís, unha das escritoras máis queridas do noso alumnado. 

O encontro tivo lugar no salón de actos e a el acudiron os cursos de 3º, 5º e 6º de Primaria e 1º de ESO, que previamente leran e traballaran nas aulas os seus libros Erin e o lobo (Premio Merlín) e Esta é a miña historia e terás que crela (Premio Raíña Lupa). 

O alumnado de 6º conduciu o acto e Érica Esmorís falounos sobre temas tan interesantes coma a literatura e o oficio de escribir, sobre as súas historias e personaxes preferidas, sobre a natureza... e tamén respondeu todas as nosas dúbidas e curiosidades sobre os seus libros. 

A continuación, as alumnas do club de lectura de 1º de ESO fixéronlle unha entrevista para Ondas Revoltas. Podedes escoitala premendo na imaxe. 

Moitísimas grazas, Érica, por visitar o CPI As Revoltas e por este encontro tan proveitoso para nós!!


Deixámosvos algunha foto do encontro: 




E tamén vos convidamos a ver as nosas ilustracións de Erin e o lobo. Premendo na imaxe descubrirás o que nós atopamos ao abrir as tapas do libro. 

Premio Mil Primaveras para Revolta Galega

O noso colexio vén de recibir un importante recoñecemento ao ser galardoado co Premio Mil Primaveras polo proxecto denominado "Revolta Galega".

Este premio pon en valor o compromiso da nosa comunidade educativa coa promoción, dinamización e uso da lingua galega.

O proxecto Revolta Galega naceu coa finalidade de fomentar o orgullo pola nosa lingua e cultura entre o alumnado, a través de diferentes actividades levadas a cabo ao longo destes anos.

Queremos destacar o esforzo e a implicación de todo o profesorado e alumnado nesta iniciativa. Romarías, encontros, entrevistas, podcast...., moitas actividades que só son posibles grazas ao traballo en equipo.

"O xurado considerou un aspecto destacable deste proxecto que é un modelo integral de dinamización para todo o centro e en diferentes ámbitos (...). Son especialmente interesantes as accións que serven para dar a coñecer referentes galegofalantes de diferentes ámbitos (ciencia, música, literatura...), onde o propio alumnado participa activamente facendo entrevistas."

Moitas grazas a toda a comunidade educativa do CPI As Revoltas por facer posible este logro!

Preme na imaxe para acceder á web dos Primeios Mil Primaveras e ao proxecto Revolta Galega.