luns, 21 de novembro de 2022

Día da Infancia

O pasado 20 de novembro celebramos o Día da Infancia, unha xornada para dar a coñecer os dereitos dos nenos e das nenas e para concienciar as persoas adultas da importancia de traballar cada día polo seu benestar e desenvolvemento. Escolleuse este día porque o 20 de novembro foi a data na que a ONU aprobou a Declaración dos Dereitos do Neno en 1959.

E ti, coñeces os dereitos básicos da infancia? O alumnado de 3º de Primaria, coa axuda de Mafalda, explícannolos perfectamente no podcast que podedes escoitar premendo na imaxe. 
Os dereitos da infancia explicados polo alumnado de 3º EP


Tamén podedes ler os seus traballos e reflexións sobre os dereitos da infancia premendo nestoutra imaxe. Quedámonos co desexo que manifesta un dos autores do traballo: "Todos os nenos do mundo temos que ser felices!!" 💖







Novembro, Mes da Ciencia en Galego

O galego é unha lingua que serve para todo: para conversar entre nós, para xogar, para ler e escribir incribles historias... e tamén, por suposto, para facer ciencia e divulgala. Así, ao longo de novembro celébrase nas bibliotecas o Mes da Ciencia en Galego. No CPI As Revoltas festexámolo co sorteo de dous libros de ciencia en galego: 


Tedes ata o día 29 deste mes para recoller na biblioteca os pasatempos científicos (de primaria e de secundaria), resolvelos e deixalos na urna que hai na biblio. O día 30 realizaremos o sorteo entre todos os participantes. 



Por outra banda, na biblio tamén podedes atopar unha exposición de 
libros de ciencia en galego, sobre temas diferentes e para todas as idades. 



Por último, na entrada da biblioteca temos estes días outra exposición de libros científicos, neste caso en diferentes linguas e sobre a temática do PDI deste curso escolar: os océanos







xoves, 17 de novembro de 2022

Certame de Teatro Lido

O grupo Os Viquingos do Pendón, formado polos alumnos Bruno A., Yeray, Bruno G. e Nicolás de 2º ESO, gañou o primeiro premio do XXI Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís, organizado pola AC Telón e Aparte, no marco do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo. O grupo presentouse ao certame cun fragmento adaptado da obra Atraco no banco, de Manuel Núñez Singala. 

Pinchando na foto podedes escoitar a lectura dramatizada do texto que os Viquingos do Pendón gravaron nos estudos de Radio Voz de Carballo (emitido no programa Voces de Bergantiños o pasado martes, 15 de novembro). 

Os Viquingos do Pendón en Radio Voz


Os Viquingos do Pendón na Gala Final do certame


Ademais dos Viquingos do Pendón, participaron nesta edición do Certame de Teatro Lido outros tres grupos do CPI As Revoltas. Abaixo tedes o enlace ás fantásticas propostas que enviaron ao concurso. Moitos parabéns aos campións e tamén a todos os grupos participantes polo seu traballo! 😊

venres, 11 de novembro de 2022

20 anos do Prestige

O domingo 13 de novembro cúmprense 20 anos do primeiro mayday do petroleiro Prestige e do inicio da catástrofe ecolóxica que del derivou. Estes días, o noso alumnado está traballando sobre este terrible suceso que tinguiu de negro as nosas costas: o afundimento do buque, a marea negra, o chapapote, a solidariedade do voluntariado...

Os nenos e as nenas de 1º de Primaria elaboraron un emocionante relato sobre esta traxedia ecolóxica. Podedes escoitalo pinchando na seguinte imaxe:  

A traxedia do Prestige contada polos nenos e nenas de 1º de Primaria


O alumnado de 3º de Primaria estivo investigando sobre todo isto e os interesantes resultados das súas pescudas podedes lelos nestes traballos. Ademais, coa información recollida elaboraron un completo podcast que podedes escoitar pinchando na imaxe: 

A catástrofe do Prestige contada polo alumnado de 3º de Primaria


Os nenos e as nenas de 4º de Primaria tamén estiveron indagando sobre o Prestige e, logo de coñecer a historia, redactaron as súas noticias sobre o suceso, coma se fosen xornalistas daquela época. Por outra parte, tamén gravaron un programa na radio que podedes escoitar neste vídeo: 



O alumnado de 3º e 4º de ESO, despois de traballar sobre o tema nas clases, desprazouse o pasado xoves, 10 de novembro, a Santiago de Compostela, para asistir á obra teatral N.E.V.E.R.M.O.R.E. A caixa negra do Prestige, da prestixiosa compañía Chévere, un emocionante espectáculo que nos levou a mergullarnos nese episodio da nosa historia que cómpre non esquecer para que non se repita.