Amosando publicacións coa etiqueta entrevista. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta entrevista. Amosar todas as publicacións

luns, 27 de abril de 2026

Encontro con Érica Esmorís

O pasado venres 24 de abril, no marco da celebración do Mes do Libro, visitou o noso cole Érica Esmorís, unha das escritoras máis queridas do noso alumnado. 

O encontro tivo lugar no salón de actos e a el acudiron os cursos de 3º, 5º e 6º de Primaria e 1º de ESO, que previamente leran e traballaran nas aulas os seus libros Erin e o lobo (Premio Merlín) e Esta é a miña historia e terás que crela (Premio Raíña Lupa). 

O alumnado de 6º conduciu o acto e Érica Esmorís falounos sobre temas tan interesantes coma a literatura e o oficio de escribir, sobre as súas historias e personaxes preferidas, sobre a natureza... e tamén respondeu todas as nosas dúbidas e curiosidades sobre os seus libros. 

A continuación, as alumnas do club de lectura de 1º de ESO fixéronlle unha entrevista para Ondas Revoltas. Podedes escoitala premendo na imaxe. 

Moitísimas grazas, Érica, por visitar o CPI As Revoltas e por este encontro tan proveitoso para nós!!


Deixámosvos algunha foto do encontro: 




E tamén vos convidamos a ver as nosas ilustracións de Erin e o lobo. Premendo na imaxe descubrirás o que nós atopamos ao abrir as tapas do libro. 

venres, 18 de outubro de 2024

Contacontos con Paula Carballeira

O pasado xoves, 17 de outubro, tivemos no cole unha visita marabillosa. Paula Carballeira estivo na nosa biblio para unha sesión de contacontos. Cos seus relatos cheos de maxia, inauguramos por todo o alto o PDI deste curso: "Os contos". 

Paula Carballeira é escritora, con máis de 30 libros publicados, moitos deles traducidos a varias linguas e a maioría pensados para a infancia e a xuventude. Tamén é actriz, contadora de historias, gañadora do Premio Nacional de Literatura Dramática 2023... Se queredes saber máis sobre a súa traxectoria, non vos perdades a entrevista que deu en exclusiva para Ondas Revoltas. Podedes escoitala premendo na foto.

O alumnado de 3º E.P. entrevista a Paula Carballeira para Ondas Revoltas


Algunhas fotos da sesión de contacontos





mércores, 24 de abril de 2024

Encontro coa escritora María Canosa

O pasado xoves 4 de abril, no CPI As Revoltas recibimos unha visita moi especial. A escritora María Canosa estivo no noso cole e conversou con todo o alumnado de Educación Primaria sobre a súa traxectoria e sobre as súas obras "O día que choveu do revés" (1º ciclo), "A cazadora de estrelas" (2º ciclo) e "Muriel" (3º ciclo).

Os nenos e as nenas de 3º de primaria non deixaron pasar esta ocasión e aproveitaron para facerlle unha marabillosa entrevista na nosa radio. Cantas cousas nos contou María nas Ondas Revoltas! 

Deixámosvos a continuación a entrevista e algunhas fotiños desta fermosa xornada.