Amosando publicacións coa etiqueta Romaría das Letras. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Romaría das Letras. Amosar todas as publicacións

luns, 26 de maio de 2025

Letras Galegas 2025

O pasado 17 de maio celebramos o Día das Letras Galegas, este ano dedicado á poesía popular oral, personificado nas cantareiras Adolfina e Rosa Casás (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía) e as Pandeireteiras de Mens (Malpica). 

Esta é unha data moi especial no CPI As Revoltas e, como cada ano, festexámola por todo o alto na nosa IV Romaría das Letras. Nesta entrada contámosvos polo miúdo as diferentes actividades que realizamos no cole para celebrar a festa grande da lingua galega e para homenaxear as nosas cantareiras. 


💙 IV Romaría das Letras

O 16 de maio celebramos a xa tradicional Romaría das Letras. Ao longo do día bailamos, tocamos a pandeireta, desfrutamos cos xogos populares e coa gastronomía galega... e por suposto, cantamos a nosa canción deste ano: "Viva o galego". Que ben o pasamos! 

Para lembrar a felicidade deste marabilloso día deixámosvos o videoclip da canción no que se recollen algúns dos mellores momentos da xornada.

 


💙 Canción Viva o galego

Como xa vén sendo tradición por estas datas, sacamos unha canción para conmemorar o Día das Letras Galegas. O temazo deste ano é unha versión de "A rumboia" e está interpretado por alumnado do centro e polo noso querido Juan. Aquí tedes a letra para non deixar de cantala!

🎤 Letra de VIVA O GALEGO!


💙 Pandeiretas 3D

A impresora 3D de Polos Creativos botou fume toda a semana para que ninguén no cole quedase sen o seu colgante de pandeireta. 

Como campamos todos/as coas nosas mini-pandeiretas! :)




💙 Obradoiros de pandeireta e baile

O alumnado do CPI As Revoltas xa está preparado para arrasar nas foliadas!

O día da romaría aprendemos uns puntos de baile galego cun gran bailador: Mario Figueira, da A.C. Donaire. Mario impartiu obradoiros de baile para o alumnado de Primaria e obradoiros de pandeireta para o alumnado de Secundaria. 



Por outra banda, Aarón García, compañeiro de 4º ESO e gran pandeireteiro, impartiu obradoiros de pandeireta para o alumnado de Infantil e Primaria. 


💙 Xogos populares

Na romaría houbo tamén espazo para xogar. Coordinados polo alumnado de 4º ESO, puidemos desfrutar dos nosos xogos populares: a chave, os birlos, a rá... Non faltou de nada! 


💙 Galicia sabe amar

E con tanto baile e tanto xogo, precisamos repoñer forzas! Por sorte, tivemos churros feitos polas nosas marabillosas cociñeiras e tamén contamos cos deliciosos pinchos da foodtruck de Galicia sabe amar. Fame non pasamos!



💙 Fiada con Teresa dos Cucos - Programa de radio de 4º de Primaria

Teresa Reigía Pose, máis coñecida como Teresa dos Cucos, veu á nosa emisora de radio para que o alumnado de 4º de Primaria lle fixera unha entrevista. Teresa é unha cantadora, veciña de Malpica de Bergantiños, que estivo ligada ao canto desde pequena e que foi testigo de como tocaban as pandeireteiras de Mens. O que nun primeiro momento ía ser unha entrevista máis, rematou sendo unha desas "fiadas" ás que tantas veces asistiu Teresa. Podedes escoitala premendo na foto. 

Fiada con Teresa dos Cucos - 4º de Primaria


💙 Elas contan e cantan - Programa de radio de 3º e 5º de Primaria

O alumnado de 3º e 5º de Primaria gravou o programa "Elas contan e cantan". As cantareiras de Mens conversan e lembran como chegaron a ter tanta sona no mundo da música tradicional galega. Podedes oílas e escoitar tamén o "maneo de Mens" premendo na foto. 

Elas contan e cantan - 3º e 5º de Primaria


💙 Traballos de investigación sobre as cantareiras

Ao longo destas semanas, tamén investigamos moito sobre as homenaxeadas nas Letras Galegas deste ano e coñecemos a súa importancia e o gran valor do legado que nos deixaron. Premendo na imaxe podedes ver os traballos realizados polo alumnado de 3º de Primaria. 

As cantareiras - Traballos do alumnado de 3º E.P.

💙 Proxección do documental Se canto é porque quero

Na semana das Letras Galegas, para traballar a música popular oral e as cantareiras homenaxeadas, proxectamos nas aulas de Secundaria os tres episodios do documental da Real Academia Galega: Se canto é porque quero. 

Podes descargar aquí as actividades sobre o documental. 



💙 Exposicións sobre a poesía popular oral

Finalmente, nos diferentes corredores do centro podedes atopar varias exposicións sobre as cantareiras e a poesía popular oral. 

No primeiro andar están colgadas as exposicións enviadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística: Cantareiras: poesía popular oral (para Infantil e Primaria) e Canta que cadramos ben (para Secundaria). 

Na entrada da biblio podedes atopar unha mostra bibliográfica para celebrar estas datas e un mural sobre a música galega realizado coa colaboración do voluntariado da biblio. 


xoves, 26 de maio de 2022

I Romaría das Letras

Chegou o gran día ao CPI As Revoltas. Despois de semanas de traballo, no noso cole celebramos unha gran romaría onde desfrutamos de obradoiros de cestería, de olería, de baile tradicional, de instrumentos tradicionais, xogos tradicionais, churros e música... moita música e moito baile!

A canción Son de Cabana xa soa no timbre do centro e todos e todas a cantamos con moita alegría. Esta peza é unha adaptación de “O salón das cereixas” do gran Xabier Díaz, cunha letra adaptada para a nosa romaría na que celebramos o Día das Letras Galegas e tamén o 50 Aniversario do noso colexio, e está interpretada por alumnado e profesorado do noso centro.

A continuación deixámosvos o videoclip creado coas imaxes deste día tan especial para todas e todos os que formamos parte do CPI As Revoltas.