venres, 15 de maio de 2026
Encontro Bergantiñán de Baile
martes, 3 de marzo de 2026
A visita de Sés ao noso colexio: música e emoción
Hoxe, 3 de marzo de 2026, e para conmemorar o vindeiro 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, a visita da cantante galega Sés ao noso colexio converteuse nunha experiencia inesquecible para todos e todas nós. Foi unha xornada chea de emoción e, sobre todo, moita música.
O alumnado de secundaria tivo a oportunidade de entrevistar a Sés na nosa radio "Ondas Revoltas". Durante a conversa, puideron achegarse á súa traxectoria. Sen dúbida, foi un momento moi enriquecedor tanto a nivel académico como persoal para os nosos rapaces e rapazas. Se premes na fotografía poderás acceder a dita entrevista.
![]() |
| Entrevista a Sés en Ondas Revoltas |
Logo, no salón de actos, tiñámoslle preparada unha sorpresa moi especial. Proxectamos un vídeo no que participaba todo o alumnado do centro, o cal recollía o traballo previo realizado para preparar a súa visita. O vídeo incluía, ademais, unha versión da canción Labregha Berghantiñana, que emocionou á artista. Este vídeo é un exemplo da implicación e do espírito colaborativo do noso alumnado.
Como peche desta experiencia, o alumnado de quinto de primaria, xunto coa súa mestra de inglés, elaborou un podcast en inglés no que resumían a visita.
Queremos agradecerlle a Sés a súa cercanía, a súa xenerosidade e o tempo compartido connosco. A súa visita deixa pegada en todos e todas nós. A continuación podedes ver un pequeno resumo desta visita tan especial.
Sen dúbida, un día para lembrar!
xoves, 29 de xaneiro de 2026
Regueifando en Camariñas
venres, 4 de abril de 2025
Enreguéifate
O alumnado de 4º de Primaria e de 2ª de ESO do CPI As Revoltas participaron no Certame Enreguéifate 2025.
🏆O alumnado de 4º de Primaria participou coa regueifa "Continuemos co legado", na que reivindica o uso do galego. Estes artistas da regueifa fixéronse cun dos premios do certame. Moitos parabéns!!! Podedes ver a súa regueifa no seguinte vídeo:
O alumnado de 2º de ESO coas regueifas "Regueifa Bergantiñá" e "Regueifando con Rosalía", demóstrannos que en Cabana de Bergantiños hai moita canteira regueifeira.
domingo, 23 de febreiro de 2025
Día de Rosalía
Hoxe, 23 de febreiro, celebramos o Día de Rosalía, para homenaxear a nosa escritora máis emblemática.
Ao longo desta semana, no cole realizamos diferentes actividades para traballar a figura de Rosalía de Castro.
💙 6º de Educación Infantil
O alumnado de 6º de Infantil fai un repaso da vida de Rosalía e recita algúns dos seus versos. Tamén fixeron unhas marabillosas caricaturas desta gran escritora. Podedes ver os seus traballos premendo na imaxe:
💙 Pódcast do alumnado de 3º de Primaria
O alumnado de 3º de Primaria cóntanos a biografía de Rosalía de Castro nun pódcast marabilloso que podedes escoitar premendo nas imaxes.
💙 "Rosalía, unha muller pioneira", polo alumnado de 4º de Primaria
O alumnado de 4º de Educación Primaria gravou na radio un podcast co título "Rosalía, unha muller pioneira", un conto sobre a vida da escritora. Ademais recitaron na aula poemas das súas obras máis coñecidas. Podedes velo no seguinte vídeo.
💙 Novo episodio do programa Contos Revoltos
Rosalía de Castro destacou como poeta, pero sabías que tamén escribiu un conto en galego? O alumnado de 1º ESO interpretan o "Conto galego" de Rosalía no último episodio do seu programa Contos Revoltos. Podes escoitalo no seguinte vídeo:
💙 Regueifando con Rosalía
A nota musical púxoa o alumnado de 2º ESO, cantándolle unha regueifa a Rosalía de Castro. Non perdas a súa fantástica actuación!
xoves, 19 de decembro de 2024
Nadal na biblio!! ✨🎄
sábado, 25 de novembro de 2023
Regueifando contra a violencia machista
xuntas imos protestar,
as mulleres xa non choran,
preferimos regueifar!
Hoxe, 25 de novembro, conmemórase o Día Internacional da
Eliminación da Violencia contra a Muller, unha xornada para denunciar a
violencia que se segue a exercer en todo o mundo contra nenas, mozas e mulleres
e tamén para reclamar medidas para erradicala.
Por este motivo, nas últimas semanas no CPI As Revoltas
estivemos regueifando pola igualdade. Desde 4º de Infantil ata 4º ESO, todos os
cursos crearon e cantaron coplas protestando contra a violencia e reclamando a
igualdade. Porque no CPI As Revoltas non
nos gustan as pelexas, escoitamos, respectamos, axudamos a quen veña;
tentaremos construír un mundo con igualdade para ledos nel vivir; loitamos pola
igualdade, respecto mais tolerancia e un futuro en liberdade...
O luns, ás 12:00 xuntarémonos todo o colexio para cantar pola igualdade. Mentres tanto, podedes ver as nosas regueifas nos seguintes vídeos:
CPI As Revoltas regueifando contra a violencia:
Regueifa completa do alumnado de Secundaria:


















