Amosando publicacións coa etiqueta Día das Escritoras. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Día das Escritoras. Amosar todas as publicacións

mércores, 15 de outubro de 2025

Escribide, compañeiras!

O alumnado de 4º de Primaria celebrou o Día das Escritoras cun programa especial para Ondas Revoltas. Nel, lembraron as autoras que escribiron ao redor de 1975 e tamén recitaron un poema contra a guerra de María do Carme Kruckenberg. 

Podedes escoitar o programa premendo na fotografía. 


martes, 14 de outubro de 2025

O bosque das escritoras

O alumnado de 3º de Primaria estréase este curso nas Ondas Revoltas con motivo do Día das Escritoras. 

Os locutores e locutoras gravaron un programa de radio baixo o lema "O bosque das escritoras", onde fan un repaso por escritoras que nos seus textos reflexaron sentimentos ou loitas polos bosques.

Non volo perdades!!


luns, 13 de outubro de 2025

Versos dos bosques

Hoxe, 13 de outubro, celebramos o Día das Escritoras e o alumnado de secundaria agasállanos con estes Versos dos bosques. 

Os bosques son o tema do PDI deste curso e son tamén un motivo ben recorrente nas letras galegas: os nosos montes son refuxio, soño, amor, memoria, loita... 

Cada curso traballou unha poeta galega contemporánea e recitou na radio escolar un poema relacionado cos bosques. 

Paga a pena escoitalos! 


venres, 18 de outubro de 2024

Contacontos con Paula Carballeira

O pasado xoves, 17 de outubro, tivemos no cole unha visita marabillosa. Paula Carballeira estivo na nosa biblio para unha sesión de contacontos. Cos seus relatos cheos de maxia, inauguramos por todo o alto o PDI deste curso: "Os contos". 

Paula Carballeira é escritora, con máis de 30 libros publicados, moitos deles traducidos a varias linguas e a maioría pensados para a infancia e a xuventude. Tamén é actriz, contadora de historias, gañadora do Premio Nacional de Literatura Dramática 2023... Se queredes saber máis sobre a súa traxectoria, non vos perdades a entrevista que deu en exclusiva para Ondas Revoltas. Podedes escoitala premendo na foto.

O alumnado de 3º E.P. entrevista a Paula Carballeira para Ondas Revoltas


Algunhas fotos da sesión de contacontos





venres, 11 de outubro de 2024

Elas contan

O vindeiro 14 de outubro será o Día das Escritoras e, para celebralo, propoñémosche escribir un conto partindo dun relato dunha autora galega. 

Podes ler os relatos premendo na imaxe. Abaixo atoparás as bases do certame de contos. 



BASES DO CERTAME "ELAS CONTAN"

1- Na entrada da biblio e no blog están colgados os comezos de cinco relatos diferentes. Escolle un deles.
2- Imaxina e escribe a continuación do relato que escolliches.
3- Os relatos deben estar escritos en galego.
4- Pode participar todo o alumnado de Primaria e Secundaria.
5- A data límite para entregar os relatos é o 21 de outubro.
6- Haberá un agasallo para todos os participantes e premios para os tres mellores relatos.

martes, 17 de outubro de 2023

Celebramos o Día das Escritoras

O pasado luns, 16 de outubro, celebramos o Día das Escritoras, unha data para lembrar e reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia. No CPI As Revoltas sumámonos a esta conmemoración. 

O noso voluntariado da biblio de Secundaria visitou os cursos de Infantil e Primaria para explicarlles o significado desta celebración e falarlles de tres escritoras galegas: Rosalía de Castro (en Infantil) e Yolanda Castaño e Paula Carballeira (en Primaria), recentemente galardoadas con senllos Premios Nacionais. Ademais de explicarlles a súa traxectoria, tamén lles leron algúns fragmentos das súas obras infantís. Aquí vos deixamos algunha fotiño desta xornada tan especial: 



Por outra parte, na entrada da biblio expuxemos un gran mural con algunhas das escritoras galegas e universais de todos os tempos que habitan nos andeis da nosa biblio. 



Os nenos e as nenas de 5º Infantil centráronse na figura da nosa gran Rosalía de Castro. Mirade canto aprenderon!


O alumnado de terceiro de primaria tamén se achegou ao legado de diferentes escritoras galegas, desde a cabanesa Matilde Vilariño ata Rosalía de Castro, pasando por Luz Pozo Garza ou Luísa Villalta. Podes escoitar o seu programa de radio premendo na imaxe: 


Finalmente, os nenos e as nenas de cuarto de primaria celebraron este día investigando a traxectoria de máis autoras galegas coma Andrea Maceiras, Antía Yáñez, Ledicia Costas ou a nosa querida Rosalía Fernández Rial. Nos enlaces de abaixo podedes ler os seus traballos e tamén escoitar o podcast que gravaron: 




xoves, 20 de outubro de 2022

Celebramos o Día das Escritoras

O 17 de outubro foi o Día das Escritoras, un día para lembrar e reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia. No CPI As Revoltas tamén nos sumamos a esta celebración. 

Se vos achegades ata á biblioteca, poderedes atopar unha exposición de libros escritos por mulleres, de todos os tempos e para todas as idades. É tan só unha pequena mostra das moitísimas escritoras que habitan nos andeis da nosa biblio. Anímaste a descubrilas?




O alumnado de 3º de Educación Primaria achegouse con maior profundidade a dúas autoras galegas de antes da Guerra Civil: Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán. Se ti tamén queres coñecer os aspectos máis relevantes das súas traxectorias, podes botarlle un ollo aos interesantes traballos do alumnado:





As nenas e os nenos de 4º de Primaria tamén se sumaron á celebración deste día recuperando a palabra de mulleres escritoras que nos seus textos reflicten sentimentos ou loitas, mulleres valentes, cuxa obra, en moitas ocasións, foi ignorada. Centráronse en catro autoras: Concepción ArenalEmilia Pardo BazánMaría Canosa e Rosalía Fernández Rial. O traballo realizado foi exposto nun mural:


Ademais, tamén gravaron na radio o poema “Nordés Blues”, de Rosalía Fernández Rial, escritora, profe e compañeira do noso colexio. O alumnado de 4º EP quixo darlle deste xeito a súa particular homenaxe á nosa autora máis querida. Non perdas o seu fermoso recitado no seguinte enlace:

O alumnado de 4º EP recita Nordés Blues


Por último, o alumnado de 1º e 2º ESO elaborou unha pequena antoloxía de textos de escritoras galegas. Cada rapaz/a seleccionou unha autora e un fragmento da súa obra para incluír na escolma. Podedes ver o resultado no corredor do primeiro andar ou tamén no vídeo de abaixo. Non están todas as que son, pero prometemos 2ª parte!  

Eu tamén navegar - 30 autoras galegas para celebrar unha data