sábado, 25 de novembro de 2023

Regueifando contra a violencia machista

 E co ritmo da regueifa, 
xuntas imos protestar, 
as mulleres xa non choran, 
preferimos regueifar!

Hoxe, 25 de novembro, conmemórase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, unha xornada para denunciar a violencia que se segue a exercer en todo o mundo contra nenas, mozas e mulleres e tamén para reclamar medidas para erradicala.

Por este motivo, nas últimas semanas no CPI As Revoltas estivemos regueifando pola igualdade. Desde 4º de Infantil ata 4º ESO, todos os cursos crearon e cantaron coplas protestando contra a violencia e reclamando a igualdade. Porque no CPI As Revoltas non nos gustan as pelexas, escoitamos, respectamos, axudamos a quen veña; tentaremos construír un mundo con igualdade para ledos nel vivir; loitamos pola igualdade, respecto mais tolerancia e un futuro en liberdade...

O luns, ás 12:00 xuntarémonos todo o colexio para cantar pola igualdade. Mentres tanto, podedes ver as nosas regueifas nos seguintes vídeos:

CPI As Revoltas regueifando contra a violencia: 




Regueifa completa do alumnado de Secundaria:




mércores, 22 de novembro de 2023

Día Internacional dos Dereitos da Infancia

O 20 de novembro celebrouse o Día Internacional dos Dereitos da Infancia, unha xornada para dar a coñecer os dereitos dos nenos e das nenas e para concienciar as persoas adultas da importancia de traballar cada día polo seu benestar e desenvolvemento. 

E ti, coñeces os dereitos básicos da infancia? O alumnado de 4º de Primaria explícanolos moi ben nun novo podcast da radio escolar Ondas Revoltas. Preme na imaxe para escoitalo: 



Pulseiras pola igualdade

Na última semana, a biblio converteuse durante os recreos nun auténtico fiadeiro.  

O voluntariado de secundaria (coa colaboración do alumnado de 3º ESO na materia de Valores) teceu máis de cen pulseiras pola igualdade. 

Estas pulseiras serán repartidas a vindeira semana entre o alumnado de primaria, para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. 

Moitísimas grazas pola vosa colaboración! 💜




As Revoltas no FIOT

O grupo Instalacións Eléctricas, formado polos alumnos Manuel, Bryan e Adrián de 3º ESO, fíxose co primeiro premio do XXII Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís, organizado pola AC Telón e Aparte, no marco do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo. O grupo presentouse ao certame cunha adaptación dun conto de Sechu Sende incluído na obra Made in Galiza. 

Instalacións Eléctricas na Cadena Ser - Radio Nordés

O grupo recolleu o seu galardón nunha gala celebrada o 12 de novembro no Pazo da Cultura de Carballo. 

Ademais de Instalacións Eléctricas, participaron nesta edición do FIOT outros tres grupos do CPI As Revoltas. Abaixo tedes o enlace ás fantásticas propostas que enviaron ao concurso. Moitos parabéns aos campións e tamén a todos os grupos participantes polo seu magnífico traballo! 😊


👉 As Revoltas Teatreiras - 4º de Primaria

👉 As rapazas bravas de Nantón - 3º ESO

👉 Os Viquingos do Pendón - 3º ESO

👉 Instalacións Eléctricas - 3º ESO


venres, 3 de novembro de 2023

Obradoiros de Samaín

O pasado martes, 31 de outubro, as voluntarias da biblio de 4º ESO (tamén coñecidas como "Shrek e compañía") impartiron uns divertidos (e horripilantes!) obradoiros nas clases de Infantil. O alumnado de 4º de Infantil coloreou máscaras de bruxas e monstros; en 5º, crearon morcegos con rolos de papel e por último, en 6º, fixeron adornos terroríficos reciclando discos vellos. Ademais, as nosas voluntarias pintáronlles a cara a estas pequenas bruxiñas, cabazas, pantasmas, esqueletos... Foi unha mañá moi divertida, pasárono de meeeedo!