luns, 26 de maio de 2025

Letras Galegas 2025

O pasado 17 de maio celebramos o Día das Letras Galegas, este ano dedicado á poesía popular oral, personificado nas cantareiras Adolfina e Rosa Casás (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía) e as Pandeireteiras de Mens (Malpica). 

Esta é unha data moi especial no CPI As Revoltas e, como cada ano, festexámola por todo o alto na nosa IV Romaría das Letras. Nesta entrada contámosvos polo miúdo as diferentes actividades que realizamos no cole para celebrar a festa grande da lingua galega e para homenaxear as nosas cantareiras. 


💙 IV Romaría das Letras

O 16 de maio celebramos a xa tradicional Romaría das Letras. Ao longo do día bailamos, tocamos a pandeireta, desfrutamos cos xogos populares e coa gastronomía galega... e por suposto, cantamos a nosa canción deste ano: "Viva o galego". Que ben o pasamos! 

Para lembrar a felicidade deste marabilloso día deixámosvos o videoclip da canción no que se recollen algúns dos mellores momentos da xornada.

 


💙 Canción Viva o galego

Como xa vén sendo tradición por estas datas, sacamos unha canción para conmemorar o Día das Letras Galegas. O temazo deste ano é unha versión de "A rumboia" e está interpretado por alumnado do centro e polo noso querido Juan. Aquí tedes a letra para non deixar de cantala!

🎤 Letra de VIVA O GALEGO!


💙 Pandeiretas 3D

A impresora 3D de Polos Creativos botou fume toda a semana para que ninguén no cole quedase sen o seu colgante de pandeireta. 

Como campamos todos/as coas nosas mini-pandeiretas! :)




💙 Obradoiros de pandeireta e baile

O alumnado do CPI As Revoltas xa está preparado para arrasar nas foliadas!

O día da romaría aprendemos uns puntos de baile galego cun gran bailador: Mario Figueira, da A.C. Donaire. Mario impartiu obradoiros de baile para o alumnado de Primaria e obradoiros de pandeireta para o alumnado de Secundaria. 



Por outra banda, Aarón García, compañeiro de 4º ESO e gran pandeireteiro, impartiu obradoiros de pandeireta para o alumnado de Infantil e Primaria. 


💙 Xogos populares

Na romaría houbo tamén espazo para xogar. Coordinados polo alumnado de 4º ESO, puidemos desfrutar dos nosos xogos populares: a chave, os birlos, a rá... Non faltou de nada! 


💙 Galicia sabe amar

E con tanto baile e tanto xogo, precisamos repoñer forzas! Por sorte, tivemos churros feitos polas nosas marabillosas cociñeiras e tamén contamos cos deliciosos pinchos da foodtruck de Galicia sabe amar. Fame non pasamos!



💙 Fiada con Teresa dos Cucos - Programa de radio de 4º de Primaria

Teresa Reigía Pose, máis coñecida como Teresa dos Cucos, veu á nosa emisora de radio para que o alumnado de 4º de Primaria lle fixera unha entrevista. Teresa é unha cantadora, veciña de Malpica de Bergantiños, que estivo ligada ao canto desde pequena e que foi testigo de como tocaban as pandeireteiras de Mens. O que nun primeiro momento ía ser unha entrevista máis, rematou sendo unha desas "fiadas" ás que tantas veces asistiu Teresa. Podedes escoitala premendo na foto. 

Fiada con Teresa dos Cucos - 4º de Primaria


💙 Elas contan e cantan - Programa de radio de 3º e 5º de Primaria

O alumnado de 3º e 5º de Primaria gravou o programa "Elas contan e cantan". As cantareiras de Mens conversan e lembran como chegaron a ter tanta sona no mundo da música tradicional galega. Podedes oílas e escoitar tamén o "maneo de Mens" premendo na foto. 

Elas contan e cantan - 3º e 5º de Primaria


💙 Traballos de investigación sobre as cantareiras

Ao longo destas semanas, tamén investigamos moito sobre as homenaxeadas nas Letras Galegas deste ano e coñecemos a súa importancia e o gran valor do legado que nos deixaron. Premendo na imaxe podedes ver os traballos realizados polo alumnado de 3º de Primaria. 

As cantareiras - Traballos do alumnado de 3º E.P.

💙 Proxección do documental Se canto é porque quero

Na semana das Letras Galegas, para traballar a música popular oral e as cantareiras homenaxeadas, proxectamos nas aulas de Secundaria os tres episodios do documental da Real Academia Galega: Se canto é porque quero. 

Podes descargar aquí as actividades sobre o documental. 



💙 Exposicións sobre a poesía popular oral

Finalmente, nos diferentes corredores do centro podedes atopar varias exposicións sobre as cantareiras e a poesía popular oral. 

No primeiro andar están colgadas as exposicións enviadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística: Cantareiras: poesía popular oral (para Infantil e Primaria) e Canta que cadramos ben (para Secundaria). 

Na entrada da biblio podedes atopar unha mostra bibliográfica para celebrar estas datas e un mural sobre a música galega realizado coa colaboración do voluntariado da biblio. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario