Amosando publicacións coa etiqueta contos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta contos. Amosar todas as publicacións

venres, 28 de novembro de 2025

Día Internacional contra a Violencia de Xénero

O pasado martes, 25 de novembro, conmemorouse o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, unha xornada para denunciar a violencia que se segue a exercer en todo o mundo contra nenas, mozas e mulleres. 
Contámosvos aquí algunhas das actividades que realizamos no centro durante esta xornada. 


Bolboretas polo 25N
Nesta data lembramos máis ca nunca o noso dereito a voarmos sempre libres. 
Así, todo o alumnado e profesorado do colexio recibiu neste día unha bolboreta violeta realizada en Polos Creativos coa impresora 3D.



 

As Bolboretas da Liberdade 
O alumnado de 4º de Primaria realizou neste día un programa especial para Ondas Revoltas. Nel cóntannos a historia das irmás Mirabal, as Bolboretas da Liberdade. Podedes escoitalo neste enlace:



 
Contos contra a violencia
O alumnado de 3º ESO visitou as aulas de infantil para lerlles contos con mensaxes positivas a prol da igualdade de xénero, a tolerancia e o respecto. Os títulos escollidos foron: Orellas de bolboreta, O libro dos porcos e Arturo e Clementina

mércores, 30 de outubro de 2024

Xa chegou o Samaín

Mañá é o día do Samaín e esta semaniña no cole foi realmente intensa e terrorífica. Contámosvos deseguido as actividades que realizamos para celebrarmos a data máis horripilante do ano. 

CONTOS TERRORÍFICOS

Todos os cursos do centro, desde Infantil ata 4º ESO, crearon e gravaron na radio os seus contos de medo. Podes escoitalos premendo seguinte presentación, pero avisamos que non son aptos para persoas sensibles!! 




FESTIÑA DE SAMAÍN

O voluntariado da biblioteca de Secundaria preparou unha festa de Samaín para o alumnado de Infantil. Para comezar, interpretaron o conto Corre corre, Cabaciña e despois, festa rachada con xogos, baile e pintacaras. Pasámolo xenial! 




CONTACONTOS DE MEDO

Ao longo da semana, a profesora Raquel leulles contos de medo na biblio ao alumnado de Primaria. Esta mañá, os nenos e as nenas de 1º ESO contaron os seus relatos de Samaín en 3º e 4º de Primaria. 








A BIBLIO DO TERROR

A nosa biblio converteuse nunha auténtica casa do terror... Os andeis foron ocupados por pantasmas, bruxas, morcegos, cabazas... E tamén nos visitou o esqueleto Homero, que escapou do laboratorio para pasar estes días con Súper Pepiña. 





E MÁIS CONTOS DE MEDO!

Por último, se quedaches con ganas de máis contos de medo, podes levar algún dos que temos expostos na biblio. 


venres, 18 de outubro de 2024

Contacontos con Paula Carballeira

O pasado xoves, 17 de outubro, tivemos no cole unha visita marabillosa. Paula Carballeira estivo na nosa biblio para unha sesión de contacontos. Cos seus relatos cheos de maxia, inauguramos por todo o alto o PDI deste curso: "Os contos". 

Paula Carballeira é escritora, con máis de 30 libros publicados, moitos deles traducidos a varias linguas e a maioría pensados para a infancia e a xuventude. Tamén é actriz, contadora de historias, gañadora do Premio Nacional de Literatura Dramática 2023... Se queredes saber máis sobre a súa traxectoria, non vos perdades a entrevista que deu en exclusiva para Ondas Revoltas. Podedes escoitala premendo na foto.

O alumnado de 3º E.P. entrevista a Paula Carballeira para Ondas Revoltas


Algunhas fotos da sesión de contacontos





xoves, 25 de abril de 2024

Unha obra moi especial para celebrar o Día do Libro

O noso alumnado de Infantil e Primaria celebrou o Día do Libro dun xeito moi especial: creando o seu propio libro. Trátase dunha obra colectiva, na que participaron todos os cursos escribindo e debuxando unha parte da historia. O resultado é o fantástico conto ilustrado que podedes ver e escoitar no vídeo. 

Non vos perdades esta gran aventura de Roque, Carmiña e Xan Pericán! 💗


venres, 16 de decembro de 2022

Contos de Nadal

O Nadal está a chegar e nas Revoltas xa se nota a alegría destas festas. Estas semanas, o alumnado de secundaria e de 4º, 5º e 6º de primaria están visitando as clases dos máis pequeniños/as do cole para lerlles contos de Nadal 🎄🎅


 

 

🎄Na biblio podedes atopar unha selección de contos de Nadal, para desfrutar destas festas coa compañía dos libros: 




🎄Os Reis Magos vixían a porta da biblio... Portádevos ben! 😊