xoves, 16 de maio de 2024

Feliz Día das Letras Galegas!

Nesta semana das Letras Galegas no CPI As Revoltas estamos que non paramos: música, poesía, programas de radio moi especiais, exposicións... Nesta entrada contámosvos algunhas das actividades realizadas, pero o mellor aínda está por vir! O vindeiro xoves celebraremos a III Romaría das Letras!! 


Quero o galego 💙

Como xa vén sendo tradición por estas datas, sacamos unha canción para conmemorar o Día das Letras Galegas. O novo tema, interpretado por alumnado e profesorado do centro, titúlase "Quero o galego" e é unha versión de "O galo canta". Non podemos parar de cantar e bailar! 




A rapaza de ollos incribles 😍

Este ano, as Letras Galegas están dedicadas á poeta coruñesa Luísa Villalta. O alumnado de 4º de Primaria cóntanos a traxectoria desta gran autora no marabilloso programa de radio "A rapaza de ollos incribles". Podedes escoitalo premendo na imaxe: 



Exposicións na biblioteca 📚

Ao longo deste mes de maio, realizamos na biblioteca unha exposición de grandes obras e autores/as da nosa literatura. 

No corredor da biblio, tamén podedes visitar as exposicións sobre Luísa Villalta difundidas desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística: Luísa Villalta, tatuada na pétrea pel do mar (para Infantil e Primaria) e Viaxe polo metaverso con Luísa Villalta (para Secundaria). 


Dende aquí ata acolá, galego xa!

O pasado venres, 10 de maio, o alumnado de 3º e 4º de ESO desprazouse á Coruña para participar no Correlingua

Alí, con rapazada doutros colexios e institutos, percorremos a cidade desde Riazor ata a Torre de Hércules, reivindicando con moita alegría e orgullo o emprego da nosa lingua. 

Berramos ben forte o lema desta edición do Correlingua: "Dende aquí ata acolá, galego xa!" e, por suposto, tamén cantamos o retrouso da nosa canción deste ano: "Quero o galego, quero este idioma, que o falen tod@s é o que máis mola!" 💙




xoves, 2 de maio de 2024

De Castro a Villalta

Hoxe no cole démoslle a benvida ao mes das letras galegas asistindo ao espectáculo teatral "De Castro a Villalta". Trátase dunha obra da compañía A Xanela do Maxín que pon en valor o legado das seis autoras excepcionais ás que lles foi dedicado o Día das Letras Galegas: Rosalía de Castro, Francisca Herrera, María Mariño, María Victoria Moreno, Xela Arias e Luísa Villalta. Ao espectáculo asistiron todos os cursos de Infantil e Primaria e 1º ESO.