mércores, 27 de novembro de 2024

Mes da Ciencia en Galego

Ao longo deste novembro celebramos na biblioteca o Mes da Ciencia en Galego. Contámosvos nesta entrada as actividades que realizamos en colaboración co Departamento de Bioloxía.

PASATEMPOS CIENTÍFICOS

Para celebrar o Mes da Ciencia en Galego, propoñémosvos resolver os pasatempos científicos que o esqueleto Homero ten na entrada da biblio. Se os deixades no buzón, poderedes participar no sorteo de 3 cubos de rubik. Aínda non resolviches os pasatempos? Quédache esta semana para facelo! 



CONFERENCIA SOBRE AS ESPECIES INVASORAS

O pasado 7 de novembro tivo lugar na biblioteca unha charla sobre especies invasoras, impartida pola Asociación Galicia Ambiental. Aprendemos moito sobre especies coma a mimosa, a uña de gato, o mapache, o cangrexo americano e, sobre todo, unha das máis perigosas: a herba da pampa. A esta conferencia acudiron todos os cursos da ESO, que foron agasallados ademais cun libriño divulgativo dos Bolechas. 



EXPOSICIÓN BOTÁNICA

O alumnado de Proxecto Competencial de 2º ESO preparou unha exposición botánica de plantas e algas que recolleron na nosa contorna. Podedes vela na entrada da biblio. 



EXPOSICIÓN DE AVES DA NOSA RÍA

O alumnado de Proxecto Competencial de 1º ESO preparou unha exposición de aves que avistaron durante este outono. Moi recomendable para coñecermos os nosos veciños  da ría: o mazarico real, a cerceta común, a garzota común... e moitas outras! Podedes vela no corredor do laboratorio. 


EXPOSICIÓN DE LIBROS CIENTÍFICOS

Ao longo deste mes, a exposición da biblio estivo dedicada a libros de ciencia en galego. 



Ningún comentario:

Publicar un comentario