martes, 30 de abril de 2024

O Cancioneiro das Revoltas

Poñémoslle o ramo ao mes do libro cunha misteriosa obra que apareceu na clase de 3º ESO. Trátase dun cancioneiro manuscrito que recolle cantigas medievais de todos os xéneros. 

O enigmático libro está asinado por trobadores de gran renome coma o Emperador Barcia da Veiga, Don Recarey o rei, Capitán Blanco de Penedo, Maruja do Esto, Manolo da Riloa, Yara de Lisa, Bryan o Biólogo, Romeroski_, Penedo, Yeray do Chosco, Bruno do Monte Blanco, María A de Nantón, Loureiro de Neaño, Mariño do Mar, Martín Códax, Joël do París ou o famoso Sabio de Beres. 

O cancioneiro orixinal está ben gardado na biblioteca, pero podedes acceder a unha copia e ler as cantigas premendo na imaxe.

Encontro con Antía Yáñez

Rematamos o mes do libro cunha visita moi especial á nosa biblioteca. A escritora Antía Yáñez encontrouse este martes, 30 de abril, co alumnado de 1º ESO. 
A autora contounos sobre a creación do seu libro O misterio de Portomarín, falounos sobre a súa traxectoria literaria e contestou todas as nosas preguntas e curiosidades. Deixámosvos algunhas fotiños desta visita. 


xoves, 25 de abril de 2024

Unha obra moi especial para celebrar o Día do Libro

O noso alumnado de Infantil e Primaria celebrou o Día do Libro dun xeito moi especial: creando o seu propio libro. Trátase dunha obra colectiva, na que participaron todos os cursos escribindo e debuxando unha parte da historia. O resultado é o fantástico conto ilustrado que podedes ver e escoitar no vídeo. 

Non vos perdades esta gran aventura de Roque, Carmiña e Xan Pericán! 💗


Charla filosófica con Miguel Vázquez Freire

Este 25 de abril tivemos na biblioteca unha interesantísima charla filosófica con Miguel Vázquez Freire, escritor e filósofo, autor de O moucho voa. Ao encontro, conducido polo alumnado da materia de Filosofía, asistiron os grupos de 3º e 4º de ESO. A filosofía, a arte, a política, o concepto, os valores, o significado da vida... foron algúns dos temas aos que nos achegamos da man de Vázquez Freire. Foi, sen dúbida, un encontro ben produtivo! 






mércores, 24 de abril de 2024

Encontro coa escritora María Canosa

O pasado xoves 4 de abril, no CPI As Revoltas recibimos unha visita moi especial. A escritora María Canosa estivo no noso cole e conversou con todo o alumnado de Educación Primaria sobre a súa traxectoria e sobre as súas obras "O día que choveu do revés" (1º ciclo), "A cazadora de estrelas" (2º ciclo) e "Muriel" (3º ciclo).

Os nenos e as nenas de 3º de primaria non deixaron pasar esta ocasión e aproveitaron para facerlle unha marabillosa entrevista na nosa radio. Cantas cousas nos contou María nas Ondas Revoltas! 

Deixámosvos a continuación a entrevista e algunhas fotiños desta fermosa xornada. 








Debuxando a cultura popular

24/04/2024 - Actualización
No seguinte vídeo podedes ver todas as obras presentadas ao II Certame de Debuxo do CPI As Revoltas. Moi pronto coñeceremos os/as gañadores/as de cada categoría. Moitas grazas a todos/as os/as participantes!!




22/03/2024
Con motivo do Día das Artes Galegas, que se celebra o vindeiro 1 de abril, convócase o II Certame de Debuxo para toda a comunidade educativa do CPI As Revoltas: Debuxando a cultura popular. A continuación podes ler as bases completas do concurso. Anímate a participar!!