luns, 31 de outubro de 2022

Celebramos o Samaín

O venres pasado o CPI As Revoltas converteuse nunha auténtica casa do terror. O noso colexio, preparado para a ocasión cunha decoración do máis sinistra, encheuse de monstros, demos, esqueletos, zombis, pantasmas, bruxas... e moitas máis criaturas horripilantes! 👻

Xogamos, cantamos, bailamos e tamén contamos e escoitamos historias arrepiantes que nos puxeron os pelos de punta. Podedes ver un resumo deste día terrorífico no seguinte vídeo:



E se despois do Samaín aínda tedes ganas de máis historias de medo, podedes coller algún libro da exposición que temos diante da biblio:



venres, 28 de outubro de 2022

Contos de medo no Samaín

 Xa chegou este día tan esperado por todos e todas no CPI As Revoltas, hoxe é día 28 de outubro e celebramos o Samaín. 

Os corredores, a biblioteca e as aulas están preparadas para recibir a tódolos nenos e a tódalas nenas vestidos con arrepiantes disfraces. 

E como non... a nosa radio tamén está que mete medo...... UUUUUUUHHHHHHHH!!!! As Ondas Revoltas están terroríficas..... O alumnado de infantil, primaria e secundaria xunto coas súas titoras e titores elaboraron  verdadeiros contos de meeeedoooooo que logo gravaron na radio. Premede na seguinte imaxe e poderedes escoitalos. 






luns, 24 de outubro de 2022

Celebramos o Día das Bibliotecas

Hoxe, 24 de outubro, celébrase o Día das Bibliotecas e no CPI As Revoltas festexámolo por todo o alto!



Súper Pepiña vestiu as súas mellores galas e decorou a biblio para recibir aos nenos e ás nenas que se achegaron por alí. Que ganas tiña de velos de novo!

Súper Pepiña!


O alumnado de Infantil e Primaria desfrutou pola mañá con «As aventuras de Mariña», unha nena á que lle encanta coñecer historias sobre o mar e sobre os habitantes mariños. Pasárono moi ben  con este contacontos da compañía Galeatro e seguro que Mariña lles achegou moitas ideas para traballar sobre os océanos, o tema do PDI deste curso. 



Finalmente, ao longo desta xornada tamén se deseñaron marcapáxinas e púxose en marcha o lecturómetro de Súper Pepiña. Consigue o teu na biblioteca!  

 





xoves, 20 de outubro de 2022

Comeza A Revolta das Letras!

Hoxe botou a andar A Revolta das Letras, o club de lectura de secundaria no que participan 35 alumnas/os e as profesoras de linguas. As nosas primeiras lecturas serán Mentira, de Care Santos (para 1º e 2º ESO) e Que me pare o corazón se te esquezo, de Andrea Maceiras (para 3º e 4º). Vémonos o vindeiro xoves no 2º recreo. A Revolta xa está en marcha!!








Celebramos o Día das Escritoras

O 17 de outubro foi o Día das Escritoras, un día para lembrar e reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia. No CPI As Revoltas tamén nos sumamos a esta celebración. 

Se vos achegades ata á biblioteca, poderedes atopar unha exposición de libros escritos por mulleres, de todos os tempos e para todas as idades. É tan só unha pequena mostra das moitísimas escritoras que habitan nos andeis da nosa biblio. Anímaste a descubrilas?




O alumnado de 3º de Educación Primaria achegouse con maior profundidade a dúas autoras galegas de antes da Guerra Civil: Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán. Se ti tamén queres coñecer os aspectos máis relevantes das súas traxectorias, podes botarlle un ollo aos interesantes traballos do alumnado:





As nenas e os nenos de 4º de Primaria tamén se sumaron á celebración deste día recuperando a palabra de mulleres escritoras que nos seus textos reflicten sentimentos ou loitas, mulleres valentes, cuxa obra, en moitas ocasións, foi ignorada. Centráronse en catro autoras: Concepción ArenalEmilia Pardo BazánMaría Canosa e Rosalía Fernández Rial. O traballo realizado foi exposto nun mural:


Ademais, tamén gravaron na radio o poema “Nordés Blues”, de Rosalía Fernández Rial, escritora, profe e compañeira do noso colexio. O alumnado de 4º EP quixo darlle deste xeito a súa particular homenaxe á nosa autora máis querida. Non perdas o seu fermoso recitado no seguinte enlace:

O alumnado de 4º EP recita Nordés Blues


Por último, o alumnado de 1º e 2º ESO elaborou unha pequena antoloxía de textos de escritoras galegas. Cada rapaz/a seleccionou unha autora e un fragmento da súa obra para incluír na escolma. Podedes ver o resultado no corredor do primeiro andar ou tamén no vídeo de abaixo. Non están todas as que son, pero prometemos 2ª parte!  

Eu tamén navegar - 30 autoras galegas para celebrar unha data


Benvid@s!!

Benvidos e benvidas ao blog de Súper Pepiña!