xoves, 29 de xaneiro de 2026

Regueifando en Camariñas

O IES Pedra da Aguia de Camariñas acolleu a II Liga Escolar de Regueifa. Foi unha xornada intensa e divertida, na que se xuntaron para regueifar mozos e mozas de varios centros de Soneira e Bergantiños. Entre eles estaba o CPI As Revoltas, que agardaba con moita ilusión esta xornada. 

Redacción: Nicolás Gómez e Carmen Ferreiro (2º ESO)

O pasado mércores 28 de xaneiro tivo lugar no IES Pedra da Aguia de Camariñas a II Liga Escolar de Regueifa. Nela participaron alumnos e alumnas dos institutos de Ponteceso, Carballo, Camariñas e Cabana. 
Días antes, o alumnado de 2º de ESO do CPI As Revoltas estivo practicando nas aulas a arte da regueifa para chegar alí e non quedar en branco. Realizaron diferentes xogos de regueifar como: rimar palabras, comezar a regueifa cun determinado verso ou acabala... (Eses días foron xeniais!). 
Despois da viaxe en autobús de Cabana á Ponte do Porto, a Liga comezou ás 9:30 cunhas regueifas de benvida cantadas polo alumnado anfitrión de Camariñas. A continuación, todo o alumnado pasou ao salón de actos e tivo lugar a primeira rolda de regueifas. A rapazada de Cabana estaba un pouco nerviosa, incluso a Guille e a Carolina se lle notaban as bolboretas no estómago. Aínda así, fixérono moi ben!!
Despois da primeira rolda, houbo un recreo de media hora onde se podía merendar rosca, froita ou zumes. Deseguido, tivo lugar unha pequena foliada na que o alumnado tocou e bailou a muiñeira de Sofán. 
Finalmente, volveuse ao salón de actos para continuar coa segunda rolda de regueifas e escollerse ás persoas que pasarían á final. A xuíza e presentadora deste evento foi Lupe Blanco, unha regueifeira de primeira. De Cabana houbo seis clasificados/as para a final, que terá lugar no mes de maio. 
Foi un día divertidísimo e inolvidable. Viva a regueifa!

Podedes ver algunha foto da xornada premendo no cartel. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario