mércores, 17 de maio de 2023

Semana das Letras Galegas

Xa chegou unha das celebracións máis esperadas por todas e todos no CPI As Revoltas: a Semana das Letras Galegas e o noso gran día da Romaría das Letras. Este ano no noso cole festexamos as Letras Galegas por todo o alto ao longo dunha intensa semana na que non faltou de nada: música e baile tradicionais, regueifa, olería, cine, radio, xogos populares... En definitiva, unha gran celebración para homenaxear a nosa lingua e a Francisco Fernández del Riego. 

A continuación, resumimos as actividades realizadas ao longo destes días. 


II ROMARÍA DAS LETRAS

O martes 16 de maio, véspera do Día das Letras Galegas, celebramos a II Romaría das Letras do CPI As Revoltas. 

Ao longo desta xornada, todo o alumnado do centro desfrutou de diferentes obradoiros: baile tradicional, impartido por Olga Kirk; instrumentos tradicionais, con Pablo Díaz e olería, con Aparicio Añón, oleiro de Buño. Ademais, todas e todos nos divertimos moito con xogos populares e, coma en calquera romaría, cunha gran merendola na que gozamos comendo rosca. Que ben o pasamos!

Seguro que vos acordades da I Romaría das Letras, verdade? O curso pasado fixeramos unha versión da canción "O Salón das Cereixas" de Xabier Díaz, "Son de Cabana de corazón", que se converteu no himno do noso colexio. Este curso non podía ser menos, e para conmemorar este gran día de Galicia, fixemos unha versión do "Pirimpimpín" de Malvela, interpretada por profesorado e alumnado do centro. 

Se premedes na seguinte imaxe podedes acceder ao videoclip da canción, con vídeos e fotografías da II Romaría das Letras do CPI As Revoltas.





TRABALLOS SOBRE FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO

Ao longo deste mes, dende as titorías fixéronse diferentes traballos para afondar na figura de Francisco Fernández del Riego. 

O alumnado de 3º de primaria gravou un marabilloso podcast: "A carta agochada". Escoitade, escoitade! 


Tampouco vos podedes perder "O bus das letras", outro interesantísimo programa de radio do alumnado de 4º de primaria. Que pasaría nese bus?


E aquí outros traballos sobre o autor homenaxeado nestas Letras Galegas. Canto aprendemos sobre Fernández del Riego!

Debuxos do alumnado de Infantil
Traballos elaborados polo alumnado de 4º








OBRADOIRO DE REGUEIFA

O luns, 15 de maio, o alumnado de 5º e 6º de primaria e o de 1º, 2º, 3º e 4º de ESO desfrutou dun divertido obradoiro de regueifa impartido por Lupe Blanco, coñecida regueifeira bergantiñá que nos puxo a todos e a todas a regueifar. Cabana e terra de regueifa e ben se notou o 15 de maio, a moitos rapaces e rapazas as coplas saíanlle soas! 




ESTREA DA PELÍCULA SICA

E xa para rematar, tamén celebramos a gran festa da nosa lingua vendo bo cine en galego. O xoves, 18 de maio, o alumnado do CPI As Revoltas acudiu aos Multicines Bergantiños de Carballo para asistir a un pase especial da película Sica, dirixida por Carla Subirana e protagonizada por Thais García, compañeira do noso cole á que lle damos os parabéns polo seu traballazo! 
Ao final da proxección da película tivemos a sorte de participar nun interesante coloquio arredor do filme con Carla Subirana, Núria Prims, Xavi Font e, por suposto, Thais García. 

Se premedes na foto poderedes acceder á noticia de La Voz de Galicia: 

Ningún comentario:

Publicar un comentario