venres, 30 de xaneiro de 2026

Día da Paz

O 30 de xaneiro conmemórase o Día Escolar da Non Violencia e a Paz e no CPI As Revoltas celebrámolo plantando un bosque de sorrisos.

Cada curso encheu unha árbore de sorrisos contra a violencia, as guerras, a desigualdade, as inxustizas... Podedes ver o fermoso resultado no primeiro andar do colexio. 


O alumnado de 4º de Primaria gravou un programa especial para conmemorar esta data. Centráronse en dúas importantes figuras: Martin Luther King e Malala. Podedes escoitalo premendo na fotografía deste fantástico equipo de xornalistas:  



xoves, 29 de xaneiro de 2026

Regueifando en Camariñas

O IES Pedra da Aguia de Camariñas acolleu a II Liga Escolar de Regueifa. Foi unha xornada intensa e divertida, na que se xuntaron para regueifar mozos e mozas de varios centros de Soneira e Bergantiños. Entre eles estaba o CPI As Revoltas, que agardaba con moita ilusión esta xornada. 

Redacción: Nicolás Gómez e Carmen Ferreiro (2º ESO)

O pasado mércores 28 de xaneiro tivo lugar no IES Pedra da Aguia de Camariñas a II Liga Escolar de Regueifa. Nela participaron alumnos e alumnas dos institutos de Ponteceso, Carballo, Camariñas e Cabana. 
Días antes, o alumnado de 2º de ESO do CPI As Revoltas estivo practicando nas aulas a arte da regueifa para chegar alí e non quedar en branco. Realizaron diferentes xogos de regueifar como: rimar palabras, comezar a regueifa cun determinado verso ou acabala... (Eses días foron xeniais!). 
Despois da viaxe en autobús de Cabana á Ponte do Porto, a Liga comezou ás 9:30 cunhas regueifas de benvida cantadas polo alumnado anfitrión de Camariñas. A continuación, todo o alumnado pasou ao salón de actos e tivo lugar a primeira rolda de regueifas. A rapazada de Cabana estaba un pouco nerviosa, incluso a Guille e a Carolina se lle notaban as bolboretas no estómago. Aínda así, fixérono moi ben!!
Despois da primeira rolda, houbo un recreo de media hora onde se podía merendar rosca, froita ou zumes. Deseguido, tivo lugar unha pequena foliada na que o alumnado tocou e bailou a muiñeira de Sofán. 
Finalmente, volveuse ao salón de actos para continuar coa segunda rolda de regueifas e escollerse ás persoas que pasarían á final. A xuíza e presentadora deste evento foi Lupe Blanco, unha regueifeira de primeira. De Cabana houbo seis clasificados/as para a final, que terá lugar no mes de maio. 
Foi un día divertidísimo e inolvidable. Viva a regueifa!

Podedes ver algunha foto da xornada premendo no cartel. 


sábado, 24 de xaneiro de 2026

Día da Educación

O 24 de xaneiro celebramos o Día Internacional da Educación, un dereito fundamental de todas as persoas. Para conmemoralo, o alumnado de 4º de Primaria gravou un novo programa para Ondas Revoltas, centrado na figura da pedagoga Maria Montessori. 

Non perdades o seu programa "María Montessori, unha educadora diferente". Podedes escoitalo premendo na foto. 

O alumnado de 4º de Primaria gravando "Maria Montessori, unha educadora diferente"

xoves, 15 de xaneiro de 2026

Club de lectura de 3º de Primaria

Hoxe botou a andar o club de lectura de 3º de Primaria, que se reunirá as tardes do xoves na biblioteca do colexio.

Os obxectivos están claros: mellorar o hábito lector, descubrir novos libros e autores/as e sobre todo... pasalo ben!! 😉

luns, 12 de xaneiro de 2026

Visita de Ángel Carracedo

Hoxe foi un gran día para o CPI As Revoltas, pois recibimos a visita do Doutor Ángel Carracedo. Foi marabilloso poder telo tan preto e poder escoitalo. 

A súa visita comezou na biblioteca, onde o alumnado de secundaria lle fixo unha entrevista. A continuación, foron ao laboratorio a facer uns experimentos. Acto seguido, bautizamos o noso laboratorio co nome de Ángel Carracedo. 

Finalmente, baixamos ao salón de acto, onde todo o alumnado e profesorado do centro o agardaba cunha gran sorpresa. 

A continuación podedes ver un vídeo con algúns momentos da súa visita, así como o vídeo que fixemos para o seu recibimento, onde versionamos unha das súas cancións preferidas, La vida es bella. 

Tamén vos deixamos o enlace ás noticias que saíron na prensa sobre este gran día:

📰 Nenos cabaneses emocionaron a Ángel Carracedo

📰 Repasa, nestas imaxes, a emocionante visita de Ángel Carracedo a Cabana. 


Resumo da visita de Ángel Carracedo: 



"A vida é fermosa con Ángel Carracedo"



xoves, 8 de xaneiro de 2026

Calendario 2026

Ano novo, calendario novo! 

Compartimos o almanaque do 2026 do CPI As Revoltas, un fermoso calendario literario sobre os bosques feito por todo o alumnado con moitísimo agarimo.