xoves, 12 de marzo de 2026

Día Internacional da Muller 2026

No noso colexio quixemos conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, cunha actividade sinxela pero chea de significado: un photocall no que participou a comunidade educativa do CPI As Revoltas.


Para a ocasión, preparamos un espazo especial coa imaxe de Rossie, a Remachadora, a muller do icónico cartel que se converteu en símbolo da fortaleza da muller en EE.UU., cun xesto que representa a loita, a resistencia e o compromiso pola igualdade. Ao longo da xornada, todas as clases foron pasando polo photocall para facer fotos, converténdose así en protagonistas dunha mensaxe común.


Dende o colexio, seguimos traballando día a día para fomentar a igualdade de oportunidades e visibilizar o papel fundamental das mulleres na nosa sociedade. Porque a igualdade constrúese entre todas e todos, cada día.


A continuación deixamos un vídeo con todas as fotos realizadas. A música que acompaña ás imaxes son cancións de Sés, artista galega que nos acompañou a semana pasada no colexio para conmemorar este día.  




Por outra banda, o alumnado de 4º de Primaria tamén gravou un programa especial para Ondas Revoltas, falando sobre Sés, o 8M, os dereitos das mulleres e o seu importante papel na sociedade galega. Podedes escoitalo premendo na fotografía: 


luns, 9 de marzo de 2026

Día da Radio e Semana da Prensa

O pasado 13 de febreiro celebrouse o Día Mundial da Radio e a segunda semana de marzo foi a Semana da Prensa. Presentamos nesta entrada algunha das actividades que se realizaron para conmemorar estas xornadas vinculadas cos medios de comunicación. 

Por unha banda, o alumnado de 4º de primaria gravou un programa especial para Ondas Revoltas sobre a radio e a Intelixencia Artificial, uníndose á proposta de Ponte nas Ondas. Podedes escoitalo premendo na fotografía: 



Por outra, o alumnado de 2º ESO deseñou e redactou portadas de xornais e o alumnado de 3º ESO redactou as boas noticias que lles gustaría ler este ano.

martes, 3 de marzo de 2026

A visita de Sés ao noso colexio: música e emoción

Hoxe, 3 de marzo de 2026, e para conmemorar o vindeiro 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, a visita da cantante galega Sés ao noso colexio converteuse nunha experiencia inesquecible para todos e todas nós. Foi unha xornada chea de emoción e, sobre todo, moita música.


O alumnado de secundaria tivo a oportunidade de entrevistar a Sés na nosa radio "Ondas Revoltas". Durante a conversa, puideron achegarse á súa traxectoria. Sen dúbida, foi un momento moi enriquecedor tanto a nivel académico como persoal para os nosos rapaces e rapazas. Se premes na fotografía poderás acceder a dita entrevista.

Entrevista a Sés en Ondas Revoltas


Logo, no salón de actos, tiñámoslle preparada unha sorpresa moi especial. Proxectamos un vídeo no que participaba todo o alumnado do centro, o cal recollía o traballo previo realizado para preparar a súa visita. O vídeo incluía, ademais, unha versión da canción Labregha Berghantiñana, que emocionou  á artista. Este vídeo é un exemplo da implicación e do espírito colaborativo do noso alumnado.



Como peche desta experiencia, o alumnado de quinto de primaria, xunto coa súa mestra de inglés, elaborou un podcast en inglés no que resumían a visita. 

Queremos agradecerlle a Sés a súa cercanía, a súa xenerosidade e o tempo compartido connosco. A súa visita deixa pegada en todos e todas nós. A continuación podedes ver un pequeno resumo desta visita tan especial.

Sen dúbida, un día para lembrar!