xoves, 27 de marzo de 2025

Ponte nas Ondas

O CPI As Revoltas participou o pasado 26 de marzo no maratón radiofónico realizado en 9 puntos de Galicia e Portugal para celebrar o 30º aniversario de Ponte nas Ondas

Acudimos, xunto con outros 13 centros escolares da Costa da Morte, á Casa da Cultura de Vimianzo, onde se desenvolveron sete horas de programación en directo. O noso alumnado participou cun programa moi especial sobre a música en Cabana. O guión foi escrito polo alumnado de 4º ESO e encargáronse da locución alumnos/as de 2º ESO. Ademais, Sofía de 1º ESO realizoulle unha entrevista ao seu avó, o músico Jesús Couto e, finalmente, Felipe e Sofía despediron o programa cunha pequena actuación musical. 

No vídeo podedes ver toda a emisión da Costa da Morte. O programa do CPI As Revoltas comeza a partir do minuto 46:00. 



martes, 25 de marzo de 2025

Visita de Fina Casalderrey

Hoxe, martes 25 de marzo, recibimos a visita de Fina Casalderrey no CPI As Revoltas. Todos os cursos do cole desfrutamos dun marabilloso encontro cunha das nosas escritoras preferidas. 

Os xornalistas de 4º de Primaria entrevistárona nas Ondas Revoltas. A escritora falou dos seus inicios no mundo das letras, das súas obras e paixóns e tamén de temas actuais. Unha extensa e interesante entrevista que podedes escoitar premendo na seguinte imaxe.




Premendo na seguinte imaxe, tamén podedes ver o traballo realizado nos días previos á visita. Moitas grazas, Fina, por visitar o noso cole!!


martes, 18 de marzo de 2025

Guadi Galego visita o CPI As Revoltas

Hoxe será unha data que xa nunca poderemos esquecer no CPI As Revoltas, hoxe recibimos a visita de Guadi Galego.

"Que ledicia terte no noso cole, que soño cumprido! Levamos anos esperando esta visita, parecíanos imposible, pero aquí estás". Así comezaba a presentación no noso cole desta grande artista.

Logo de facer un breve resumo da súa vida, todo o alumnado e profesorado tivemos a oportunidade de conversar con Guadi.

Premendo na seguinte imaxe poderedes ver un breve resumo de como preparamos no colexio este fantástico encontro.


Ademais aproveitamos a ocasión para facerlle unha entrevista na nosa radio "Ondas Revoltas". Podedes escoitala premendo na imaxe.