venres, 11 de outubro de 2024

Elas contan

O vindeiro 14 de outubro será o Día das Escritoras e, para celebralo, propoñémosche escribir un conto partindo dun relato dunha autora galega. 

Podes ler os relatos premendo na imaxe. Abaixo atoparás as bases do certame de contos. 



BASES DO CERTAME "ELAS CONTAN"

1- Na entrada da biblio e no blog están colgados os comezos de cinco relatos diferentes. Escolle un deles.
2- Imaxina e escribe a continuación do relato que escolliches.
3- Os relatos deben estar escritos en galego.
4- Pode participar todo o alumnado de Primaria e Secundaria.
5- A data límite para entregar os relatos é o 21 de outubro.
6- Haberá un agasallo para todos os participantes e premios para os tres mellores relatos.

Outono na biblio

O outono chegou á biblio das Revoltas e mirade que bonita se puxo a nosa Súper Pepiña! 😊 Xa está preparada para recoller cogumelos e castañas, escunchar o millo, tallar cabazas para o Samaín... 



Volve a Revolta das Letras

O pasado xoves, 10 de outubro, inauguramos na biblioteca un novo curso do club de lectura A Revolta das Letras. Neste encontro, démoslle a benvida aos/ás novos/as participantes, informamos sobre a organización e funcionamento do club e, por suposto, tamén falamos de libros. Ao longo deste trimestre, leremos as seguintes obras: 
- O grupo de 1º ESO lerá Mentira, de Care Santos
- O grupo de 2º ESO lerá Que me pare o corazón se te esquezo, de Andrea Maceiras
- Por último, o grupo de 3º e 4º ESO lerá Poder non é querer, de Noela Rivas. 

No seguinte enlace podedes consultar o calendario de reunións previstas para este trimestre. As datas poden variar atendendo ao que se acorde coas coordinadoras do club. 


Volve a Revolta das Letras!! :)


Día Europeo das Linguas e Día dos Animais

O pasado 26 de setembro foi o Día Europeo das Linguas e, coincidindo con esta celebración, o alumnado de 1º ESO estivo a investigar sobre a diversidade lingüística e achegouse ás moitísimas linguas que se falan en Europa. 

E vós, queredes saber como se di "Ola" en eslovaco ou en finés? E como se di "Quérote" en grego ou en búlgaro? Pois non tedes máis que ver na biblio os murais que realizou o alumnado: 




Por outra banda, coincidindo que o pasado 4 de outubro foi o Día Mundial dos Animais, temos na biblio unha exposición moooi animal!!