Como di o refrán: "Pasou o día, pasou a romaría" e alá vai xa a III Romaría das Letras do CPI As Revoltas.
Para non esquecer a felicidade deste día, deixámosvos o videoclip da canción Quero o galego, no que se recollen algúns dos mellores momentos da romaría.
Comeza a conta atrás para a IV Romaría das Letras!
16/05/2024
Nesta semana das Letras Galegas no CPI As Revoltas estamos que non paramos: música, poesía, programas de radio moi especiais, exposicións... Nesta entrada contámosvos algunhas das actividades realizadas, pero o mellor aínda está por vir! O vindeiro xoves celebraremos a III Romaría das Letras!!
Quero o galego 💙
Como xa vén sendo tradición por estas datas, sacamos unha canción para conmemorar o Día das Letras Galegas. O novo tema, interpretado por alumnado e profesorado do centro, titúlase "Quero o galego" e é unha versión de "O galo canta". Non podemos parar de cantar e bailar!
A rapaza de ollos incribles 😍
Este ano, as Letras Galegas están dedicadas á poeta coruñesa Luísa Villalta. O alumnado de 4º de Primaria cóntanos a traxectoria desta gran autora no marabilloso programa de radio "A rapaza de ollos incribles". Podedes escoitalo premendo na imaxe:
Exposicións na biblioteca 📚
Ao longo deste mes de maio, realizamos na biblioteca unha exposición de grandes obras e autores/as da nosa literatura.
No corredor da biblio, tamén podedes visitar as exposicións sobre Luísa Villalta difundidas desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística: Luísa Villalta, tatuada na pétrea pel do mar (para Infantil e Primaria) e Viaxe polo metaverso con Luísa Villalta (para Secundaria).
O pasado venres, 10 de maio, o alumnado de 3º e 4º de ESO desprazouse á Coruña para participar no Correlingua.
Alí, con rapazada doutros colexios e institutos, percorremos a cidade desde Riazor ata a Torre de Hércules, reivindicando con moita alegría e orgullo o emprego da nosa lingua.
Berramos ben forte o lema desta edición do Correlingua: "Dende aquí ata acolá, galego xa!" e, por suposto, tamén cantamos o retrouso da nosa canción deste ano: "Quero o galego, quero este idioma, que o falen tod@s é o que máis mola!" 💙
Hoxe no cole démoslle a benvida ao mes das letras galegas asistindo ao espectáculo teatral "De Castro a Villalta". Trátase dunha obra da compañía A Xanela do Maxín que pon en valor o legado das seis autoras excepcionais ás que lles foi dedicado o Día das Letras Galegas: Rosalía de Castro, Francisca Herrera, María Mariño, María Victoria Moreno, Xela Arias e Luísa Villalta. Ao espectáculo asistiron todos os cursos de Infantil e Primaria e 1º ESO.
Poñémoslle o ramo ao mes do libro cunha misteriosa obra que apareceu na clase de 3º ESO. Trátase dun cancioneiro manuscrito que recolle cantigas medievais de todos os xéneros.
O enigmático libro está asinado por trobadores de gran renome coma o Emperador Barcia da Veiga, Don Recarey o rei,Capitán Blanco de Penedo, Maruja do Esto, Manolo da Riloa, Yara de Lisa, Bryan o Biólogo, Romeroski_, Penedo, Yeray do Chosco, Bruno do Monte Blanco, María A de Nantón, Loureiro de Neaño, Mariño do Mar, Martín Códax, Joël do París ou o famoso Sabio de Beres.
O cancioneiro orixinal está ben gardado na biblioteca, pero podedes acceder a unha copia e ler as cantigas premendo na imaxe.
Rematamos o mes do libro cunha visita moi especial á nosa biblioteca. A escritora Antía Yáñez encontrouse este martes, 30 de abril, co alumnado de 1º ESO.
A autora contounos sobre a creación do seu libro O misterio de Portomarín, falounos sobre a súa traxectoria literaria e contestou todas as nosas preguntas e curiosidades. Deixámosvos algunhas fotiños desta visita.
O noso alumnado de Infantil e Primaria celebrou o Día do Libro dun xeito moi especial: creando o seu propio libro. Trátase dunha obra colectiva, na que participaron todos os cursos escribindo e debuxando unha parte da historia. O resultado é o fantástico conto ilustrado que podedes ver e escoitar no vídeo.
Non vos perdades esta gran aventura de Roque, Carmiña e Xan Pericán! 💗
Este 25 de abril tivemos na biblioteca unha interesantísima charla filosófica con Miguel Vázquez Freire, escritor e filósofo, autor de O moucho voa. Ao encontro, conducido polo alumnado da materia de Filosofía, asistiron os grupos de 3º e 4º de ESO. A filosofía, a arte, a política, o concepto, os valores, o significado da vida... foron algúns dos temas aos que nos achegamos da man de Vázquez Freire. Foi, sen dúbida, un encontro ben produtivo!